Friday 03 de May de 2024

O Concello de Boqueixón inviste máis de 40.000 euros na construción dun novo parque infantil cuberto no CRA de Sergude


As doce imaxes finalistas compoñen o tradicional calendario co que o Concello de Boqueixón agasalla á veciñanza polo Nadal

O Concello de Boqueixón vén de construír un novo parque infantil cuberto no Centro Rural Agrupado de Sergude, no que investiu máis de 40.000 euros. O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, explica que “ademais de ser cuberto, este novo parque conta cun pavimento mellor e máis seguro para a rapazada que o vai empregar”.

As obras consistiron na desmontaxe dos xogos existentes e a demolición do pavimento anterior do parque, sobre o que se construíu unha estrutura metálica para a cuberta que ocupa unha superficie de 156 m2 e está composta por catro pórticos realizados en pezas simples. Sobre elas vai unha cuberta inclinada de placas traslúcidas planas de policarbonato e 16 milímetros de espesor.

O novo pavimento do parque, de 126 m2 de superficie, está composto por unha soleira de 15 centímetros de formigón sobre 20 centímetros de zahorra e un pavimento de seguridade continuo de caucho para a protección fronte a posibles caídas. Ademais, colocouse escuma de protección adherida aos pilares e ata unha altura de 2 metros.

A actuación completouse coa instalación dun conxunto de xogos infantís composto por 2 resortes individuais, un bambán dobre de aceiro inoxidable e un conxunto torre do xogos realizado en madeira lamina de piñeiro.

Deste xeito, o Concello de Boqueixón cumpre o seu compromiso de instalar cubertas nos parques infantís que se atopan a carón das escolas unitarias “e facilitar que a cativada poida xogar durante os días de mal tempo sen necesidade de mollarse”, explica o alcalde. Se o ano pasado se cubriron os parques infantís de Lestedo e Camporrapado, agora remátase o proxecto coa instalación de Sergude, en todos os casos cunha achega da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.